"Monitorizar" é posiblemente a vía máis efectiva á hora de localizar en tempo real aquelas ofertas laborais en Twitter que mellor encaixen co noso perfil profesional. Sen necesidade previa de ter sido "seguidores" de determinadas contas nin de telas incluído en ningunha lista que creásemos, e sen a dependencia de retweets nin de mencións alleas para poder acceder a ofertas do noso potencial interese, poderemos así velas nun TL (timeline) depurado. O que estaremos a facer será, basicamente, introducir na ferramenta de monitorización un ou varios nomes, palabras ou hashtags que axustarán a busca na "rede social dos 140 carácteres", filtrando unicamente aqueles tweets que conteñan o/os termo(s) introducido(s) previamente, e obtendo así unha concreción moi útil ademais dun valioso aforro de tempo.
Para a monitorización propoño catro ferramentas: Twazzup, Twitonomy, TweetDeck e Hootsuite. As catro cumpren satisfactoriamente coa tarefa encomendada.
Twazzup é realmente sinxela de manexar. Unha vez accedamos a ela vía Twitter, non nos quedará outra que introducir as palabras clave polas que se rexerá a busca. En "Preferences" escolleremos o idioma "Spanish (español)". Sobra dicir que nin necesaria nin exclusivamente todos os tweets resultantes han de conter ofertas de traballo.
Twitonomy pola súa banda é unha ferramenta que vai moito máis aló da mera monitorización de contas persoais e/ou por termos clave, sendo de aplicación no que aquí nos compete o mesmo procedemento que para Twazzup. Non obstante, Twitonomy goza da vantaxe de poder crear múltiples módulos de monitorización -facendo click en "Add a keyword search"- e poder situalos e redistribuílos ao noso antollo -facendo click no módulo e, sen soltar, arrastrar- no espazo asignado do noso taboleiro (Dashboard).
A plataforma multifunción TweetDeck ofrece a posibilidade, entre outras, de engadir varias columnas "Search" de monitorización á súa interface, podendo á súa vez acoutarse os criterios iniciais de busca a tweets que vaian acompañados de links, excluír aqueles que conteñan un determinado termo, ou descartar os retweets (o cal aportará uns resultados libres de reiteracións innecesarias).
Finalmente, na aplicación multixestora de redes sociais Hootsuit -de forma moi similar a TweetDeck- tamén dispoñemos da posibilidade de engadir e reordenar columnas de "Búsqueda". Reiterar unha vez máis que non necesariamente todos os tweets resultantes han de conter ofertas de traballo. Fundamental: ser precisos e acertar nas palabras clave. Importante: non deixar de facer varias probas.