A efectos deste post, entenderase por boletín de emprego o documento emitido por unha entidade ou organismo que recolle con carácter periódico unha recompilación de ofertas de emprego. Aínda que nalgúns casos conservamos a opción de consultar as ofertas visitando a website de orixe (como, por exemplo, accedendo ao portal de emprego orixinario correspondente), noutros non é así ou mesmo veriámonos abocados á tarefa de facer provisión de todas as fontes. En canto se refire sobre todo ao ámbito laboral privado -e tamén público nalgúns dos boletíns- en Galicia, compre mencionar:
O boletín semanal (publícase cada venres) da Fundación Amigos de Galicia, entidade sen ánimo de lucro que axuda ás persoas en situación de carencia de recursos económicos. Accede a el aquí.
A Fundación Humanismo y Democracia, organización non gobernamental sen ánimo de lucro que traballa pola erradicación da pobreza no mundo, publica semanalmente un boletín de emprego que inclúe demanda de emprego privado, emprego público, bolsas e formación subvencionada. Podes visualizalos e descargalos aquí.
O boletín PonteEmprego do Proxecto ILES desenvolvido pola Concellaría de Promoción Económica do Concello de Pontevedra. Para acceder a el, preme aquí.
Dende a web do Concello de Sanxenxo bríndasenos a posibilidade de descargar en PDF, ademais do propio emitido por este concello, os boletíns de ofertas da Oficina de Emprego de Vilagarcía, da Oficina de Emprego de Cambados, da Axencia Local de Colocación de Santiago de Compostela, o da Confederación de Empresarios de Pontevedra e o da Confederación de Empresarios de Galicia, e tamén o boletín PonteEmprego do Concello de Pontevedra. Accede aquí.
Dende a web do Concello de Boimorto temos acceso (aquí) a un boletín de emprego e formación intermunicipal -Boimorto, Arzúa e Santiso-.
Na web da capital do Albariño http://www.cambados.es ofrécese a posibilidade de descargar periodicamente un PDF (aquí) con ofertas da comarca do Salnés.
A Axencia Local de Colocación, servizo dependente da Concellaría de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo do Concello de Santiago de Compostela, publica cada luns cunha periodicidade semanal ou seu propio boletín, podendo ser descargado en PDF dende aquí.
Co obxectivo de facilitar o acceso ao mercado laboral, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) ofrécelles aos demandantes de emprego un servizo de recollida e difusión das diferentes ofertas privadas de traballo publicadas na prensa cada semana, así como da oferta pública que sae diariamente nos diferentes diarios oficiais. Este boletín incorpora asemade a oferta formativa existente. Dende setembro deixou de publicarse como era costume aquí e agora pode ser solicitado enviando un e-mail a [email protected]
Searching Emprego tamén recompila semanalmente para demandantes de emprego en Galicia todas as ofertas que rastrexa a diario en distintos portais de emprego e metabuscadores, e que se difunden a través da súa conta en Twitter @SearchEmprego. As recompilacións pódense consultar tanto en documento PDF (aquí) como na plataforma de publicacións interactivas Calaméo (aquí). Está habilitada -nos dous casos- a posibilidade de facer buscas de ofertas de emprego por palabra clave.